Friday 03 de May de 2024

O Fondo Galego de Cooperación achega mañá martes a Lousame o espectáculo a prol da solidariedade “Ti tamén contas”


A Tropa de Trapo combina contos cun obradoiro participativo para facer reflexionar á rapazada sobre o materialismo e a cooperación no Día do Medio Ambiente

A Tropa de Trapo levará mañá martes 5 de xuño a Lousame “Ti tamén contas”, un espectáculo a prol da solidariedade que percorre este ano nove concellos socios do Fondo Galego de Cooperación. A compañía compostelá mesturará historias contadas con música en directo e obradoiros participativos para facer reflexionar a máis de 70 estudantes de 3º, 4º e 5º de Primaria do CPIP Cernadas de Castro, dentro das actividades programadas polo centro no Día Mundial do Medio Ambiente. A cita será ás 10:00 horas na Casa da Cultura de Lousame.

A sesión ábrese cos contos “O home feliz”, “A pelota” e “Tumbé”, que permiten introducir cuestións coma o materialismo, o traballo infantil ou as catástrofes naturais. A seguir, debátese coas rapazas e rapaces arredor da relación entre a abundancia e a felicidade, o consumo responsable ou a importancia da cooperación, sempre a través de dinámicas activas. Ademais de Lousame, a actividade de sensibilización pasará este ano por Laxe, Miño, Cabana de Bergantiños, Ponteareas, Redondela, Caldas de Reis, Tomiño e Carballo.

A Tropa de Trapo

Marta Ortiz e Brais das Hortas levan dez anos percorrendo a xeografía galega como A Tropa de Trapo, un proxecto co que recollen e crean contos para levalos a escena con música en directo, ben con instrumentos habituais como con outros elaborados a partir de refugallos. Os seus espectáculos, de carácter participativo, buscan un equilibrio entre entreter e educar, cun trasfondo social e unha vertente pedagóxica coidada.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 95 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Desde a súa fundación en 1997, ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.